Translate

C Repensando as lembranzas





Repensando as lembranzas

Preciso sentir:

o latexar do río
a lama nos zocos
o recendo do bieiteiro
a auga das pozas
debaixo dos pés.

As cores do herbal
na primavera.

Os sentidos acougados
polo aloumiño da miña nai.

As miñas soidades acochadas 
por mil follas de carballo
no outono.

O canto de mil grilos
e mil paxaros
nunha tarde esperanzada.

Tamén xeadas brancas
que deixan o corpo aterecido.

Noites de tronos 
e paus de loureiro,
e de soidades,
e de tristuras.

Días de enchente e fartura
e soños liberadores.

O recendo do pan saído do forno.

A terra escura chea de froitos
e suores.

Sentir que outras persoas 
comparten o teu espazo 
e modo de vida.

O regato no inverno,
limpo e transparente,
onde xiraba o rodicio de carabullos,
feito coa miña navalla.

O muíño escuro 
de fariña branca,
a unha beira da fervenza
do río onde  habitou Pondal. 

Un carro feito de salgueiro
e un aradiño de pao.

Unha espiga vermella
nun universo branco.

A fortuna de ter lembranzas
e un espazo onde repousalas,
e unha lingua coa que repensalas e vivilas,
e un país onde habitar
coa nosa xente.