Translate

C Quero soñar cun mañá



Quero soñar cun mañá

onde os ventos grises

non me pesen,

nin me nubren

os ollos,

nin me agochen

os días claros,

nin escurezan as forzas

para loitar

por un renacer esperanzado.



Canto camiñando,

mirando sempre

cara adiante,

porque a canción

é compañeira

de penas e alegrías.



Son quen son,

e o medo

non me vai abanear

o universo,

porque, pouco a pouco,

e coas miñas mans

vou obrando o meu destino.

Pensando en amigos/as ben queridos.

Música de :Jazzaria_-_Antidote

 

O alleado, Manuel María


O alleado

Son un bilingüista
moi apaixonado,
un colonialista
ben colonizado.
Teño lingua nai,
e unha lingua pai
e unha lingua filla
que me marabilla.
... ... ... ... ... ...
Son un alleado
fino e progresista
ben domesticado.
¡Son un castrapista
como está mandado!


Poema: Manuel María
Autoría: Música, Miguel Varela   Intérprete/s: María Manuela  



 

C Cando nos impoñen o ruído



Cando nos impoñen 
o ruído e a mentira 
acocha as razóns.

Queda a confusión,
a subsistencia,
o suor desesperado,
a necesidade 
de consumos
tristes, urxentes.

E piden fe,
e piden o voto cego,
e piden desesperanzas
camufladas de esperanzas,
e compran favores 
con cartos alleos,
e collen fondos públicos 
para petos privados,
e non hai para sandar,
para ensinar,
para comer,
para o lecer,
para apagalo lume,
e non hai tempo
para aprender,
para o pracer.

E a mentira repetida 
parece verdade.

E o ruído non deixa oír,
enmascara e confunde
a realidade.

É preciso rachar as máscaras,
escoitar a natureza,
e as voces amigas,
e buscar as harmonías,
e vivir no propio corpo.



Música: Luvas Verdes

 

C Rescatando soños I

 
 
 
 
Rescatando soños I

Soños dun tempo mozo
que se alimentan de palabras,
de espazos,
de arrecendos,
de cores.
 
Onde habitan os arroios
máis amorosos,
e as verbas ditas, 
lidas aquí e a cola,
algunhas viñan do olimpo grego,
outras dos contos da lareira,
tamén do cinema paradiso.
 
Os soños tamén habitaban
no vivir pegado ao terrón,
e ás tardes aburridas
de andar co gando,
e as fuxidas a tempos,
amores e espazos desexados.
 
É preciso vivir os soños
para que poidan ser realidade,
e poder certificar que estamos vivos.

 
Música: Emilio Cao 
 

Se queres escoitar pincha aquí

C As persoas que naceron de nos, non son nosas




As persoas que naceron de nos 
non son nosas.

Son fillas e fillos
de si mesmos
e da natureza. 

Inda que as pariras
a nai foi a natureza.

Aínda que  deixes 
a vida ao seu carón
non che pertencen.

Podes cubrilos 
da túa tenrura,
do teu amor,
pero os seus 
pensamentos nacen sos.

Podes acochar os seus corpos,
pero non podes ver 
os seus soños
porque eles
viven nun mañá afastado,
inaprensible.

Viñeron do río da natureza
e nel seguiran
e só podemos ver, de lonxe,
uns poucos avatares
que os levaran 
aos mares infindos.

Para esta singradura 
so podemos prestar bateis 
feitos por nos
que lles sirvan para chegar 
aos seus propios veleiros,
e que novos ventos 
os leven a mil portos descoñecidos.




Música: Joy (ft. unreal_dm, Highland Serenade, Steven Dennis)


C Espero a túa chegada




Espero a túa chegada
coma augas 
mornas de abril.

Espero a túa chegada
para recoller
pétalos de camelia branca,
e facer con eles
arcos da vella
de mil cores.

Espero a túa chegada
para pintar as augas
de cores transparentes.

Espero a túa chegada
para mostrarche
a cara que te desexou
ate morrer,
e as mans que aloumiñaron
os teus sentidos,
e os ollos que te viron
mais aló dos soños.

Espero a túa chegada
para cubrirte
de tenruras infinitas
que me desbordan.

Espero a túa chegada
para que poidas pintar
un mundo cheo de
de razóns libres.


Para escoitar pincha aquí

C É preciso rescatar os soños

 
 
Un claro de Lúa 
rescata vellos
soños esvaídos no tempo, 
e moi pouco a pouco
volveron a atopar un oco
nunha esquina do silencio,
e da necesidade
de sentir a propia existencia,
e volven a alimentar
o sentido de cada día.
Música: Nalua 


C Cando pasa o amor



Cando pasa o amor
entre illas brancas,
con fondo de
mar azul en calma.

A este amor
non o arrastran os ventos dominantes
acochados tras o ollo de ciclope
do faro da Sisarga,
nin os berros de gaivotas desesperadas.

Cando o amor
aloumiña os sentidos
na veira do mar fondo e azul,
precisamos un pouco de calma
para que a brisa da mañá
encha as velas dos sentires
acougados, fondos.

Cando o amor aloumiña os sentidos
na beira do mar,
precisa dunha meixela
amante e sutil
e poucas palabras.

Música: Emilio Cao

C Soños nun vello trolebús



Eramos pouco máis que un soño
nun vello trolebús.

Unha presa de desexos
virxes que empuxan os
corpos inocentes, 
onde cada roce 
é unha arrebato


Eu, coa lama nos zocos,
camiño dun mundo
sensual, descoñecido.

Ti, cunha presa de soños,
ensarillados 
naquel pelo rizo e roibo,
unha mirada chea, sutil,
fuxidía.

Un corpo sen estrear,
sorprendido
por cada impresión.

Unha música con mil significados, 
con fondo significado 
sen descodificar,
pero sempre presente.


E ti 
estabas alí,
tan cerca e 
tan lonxe,
inaprensíbel,
incomprensíbel.

So eras comprensíbel 
nos mil soños imposibles.

Un roce
torpemente buscado,
torpemente consentido.

Acaso 
un baile agarrado 
na vella Pazos ou
o día da festa.

Catro palabras, 
case sen sentido,
sentidas.

Un bico 
era un ceo imposible,
nin sequera de imaxinar.

Eras a compaña fiel,
na imaxinación, 
polos carreiros das Sonsuelas
e os camiños do Ribeiro,
polas paraxes verdes
transitadas de soños.

Fora do tempo, 
non existía o tempo, 
so os teus ollos azuis 
nun trolebús pousón,
unha ollada túa 
enchía os sentidos.

Os versos 
non se lían
so se vivían.

Un día 
o remuíño da vida 
afastou  a túa imaxe, 
esvaeceuse nun horizonte
fuxidío.
 
O azul dos teus ollos,
as pencas da túa pel,
deixaron de impresionar a miña retina
e os reflexos dourados 
do teu cabelo 
escurecéronse na memoria.

O tempo pasou 
e ti segues 
nun currunchiño 
da miña historia vivida.

Se queres escoitar pincha


C ELAS.....


       ELAS..... 


 
Elas ámanse, quérense
cunha paixón
máis alo das cores
vermella ou violeta.

Elas ven o ceo 
cando os dedos 
rozan os sentidos.

Elas viven o amor
feito á súa medida.

Elas comprométense,
nun desexo de eternidade.

Elas buscan 
os praceres profundos
nos sentidos primarios
lenes onde unha
se perde na tenrura 
da outra,
cando a natureza é xenerosa.

Elas buscan 
encher as súas mans
e as súas vidas de
tenruras pequenas 
e futuras.

Elas comprométense 
coa vida,
co seu tempo
e co seu futuro.

Elas buscan 
o seu propio
camiño que,
xa sabemos,
faise andando.




 Se queres escoitar pincha aquí

   

C As veces......

       
    
     



As veces......

Camiño cos pés descalzos
por camiños descompostos
aos que non lle vexo o fin.

Unha lanterna máxica 
sempre alumea o que
non vexo.

Un son arrítmico 
inunda os sentidos.

Vexo as esquinas do meu
perfil invisible
detrás do bafo
do espello cadrado.

Respiro a fonda 
dor da nada.

Aférrome á miña 
sombra escura.

Vivir tamén era isto. 


C Repensando as lembranzas





Repensando as lembranzas

Preciso sentir:

o latexar do río
a lama nos zocos
o recendo do bieiteiro
a auga das pozas
debaixo dos pés.

As cores do herbal
na primavera.

Os sentidos acougados
polo aloumiño da miña nai.

As miñas soidades acochadas 
por mil follas de carballo
no outono.

O canto de mil grilos
e mil paxaros
nunha tarde esperanzada.

Tamén xeadas brancas
que deixan o corpo aterecido.

Noites de tronos 
e paus de loureiro,
e de soidades,
e de tristuras.

Días de enchente e fartura
e soños liberadores.

O recendo do pan saído do forno.

A terra escura chea de froitos
e suores.

Sentir que outras persoas 
comparten o teu espazo 
e modo de vida.

O regato no inverno,
limpo e transparente,
onde xiraba o rodicio de carabullos,
feito coa miña navalla.

O muíño escuro 
de fariña branca,
a unha beira da fervenza
do río onde  habitou Pondal. 

Un carro feito de salgueiro
e un aradiño de pao.

Unha espiga vermella
nun universo branco.

A fortuna de ter lembranzas
e un espazo onde repousalas,
e unha lingua coa que repensalas e vivilas,
e un país onde habitar
coa nosa xente.